A fin dunha materia

Xa é definitivo, non máis "antropoloxía no Bacharelato". A LOMCE elimina esta materia do currículo e este, o seu último ano, os recortes de profesorado impediron que se imparta no meu centro. Por iso este Blog está de loito. Eliximos o lazo negro, aínda que ben puideramos elixir unha pedra branca, porque a cor do loito é cousa de culturas e non de esencias, pero eliximos o símbolo do loito na nosa cultura, para que todo o mundo puidese entendelo.Estamos tristes porque foi unha materia que nos deu, como profesores e como alumnos, un montón de bos momentos, unha capacidade de ver a diversidade do ser humano dende múltiples perspectivas e, por iso enriqueceunos a todos. Foi unha materia que malia non ponderar para a Selectividade sempre tivo un alumnado incondicional que se decataba do moito que podía achegar á súa formación, dende as ciencias ou as humanidades, por iso mantívose sempre, malia as loitas polo espazo que teñen lugar, todos os anos, nos institutos de secundaria.Agora, aínda que moitos sigamos interesados por todo o que ten que ofrecer esta materia, o certo é que, ao perder a súa entidade como materia do bacharelato, será unha gran descoñecida entre a poboación. Cando moitos volvan a escoitar a palabra "antropoloxía" volverán preguntar "Antropoque? " como sucedeu ao principio desta aventura. Foi precisamente esa pregunta a que deu lugar ao titulo deste Blog.A partir deste momento non haberá máis entradas ao blog que se manterá inalterado como unha reliquia dun tempo que xa deixou de existir, polo menos no IES de Ames, o meu lugar de traballo. Aqueles que tedes a fortuna de seguir impartíndo esta materia por última vez podedes seguir mergullándovos entre as súas páxinas, que xa non cambiarán, pero que permanecerán mentres alguén as utilice.

Ningún comentario: