Que é a cultura?

A cultura transforma ao ser humano, ao mesmo tempo que transforma o medio no que vive, dirixe a evolución ao permitir que sobrevivan individuos que non o farían no medioambiente natural. Porén, a definición de "cultura" é complexa. "Cultura" é unha palabra con múltiples significados que remiten a varios contextos: "é unha muller moi culta", "iso é propio desa cultura", "compórtase como un salvaxe porque non ten cultura"...



Aos antropólogos interesalles a cultura como expresión dunha forma de vida, dun xeito de adaptarse ao medio e dotar de significado ao que nos rodea, de solucionar os problemas que presenta a supervivencia e a adaptación aos outros seres humanos. Neste sentido, o concepto de cultura abarca unha pluralidade de elementos que van desde a arte, a lingua, as leis, ata os comportamentos individuais.

O seguinte vídeo, realizado na cidade de Medellin (Colombia) pregunta a diferentes cidadáns ¿Que é cultura?



Atrevédevos a facer o mesmo e publicade os vosos resultados en YouTube.

A cultura é o derradeiro escalón na evolución humana. A partir do xurdimento das estructuras culturais, o ser humano toma conciencia de si mesmo e dos seus semellantes, do medio en que vive e a súa capacidade de transformalo e comeza a ser quen de dirixir, nalgunha medida, a súa propia evolución. Coa cultura os seres humanos abandonaron algúns aspectos da súa conducta instintiva para poder adaptarse a novos desafíos. Este abandono dos instintos foi posible porque a complexidade da mente humana produciu a aparición do pensamento simbólico, e con el, a capacidade de representarse o mundo, de planificar o futuro, de preveer e tomar precaucións... Todo isto demostrou ser unha gran vantaxe evolutiva.

Ningún comentario: