EDUCACIÓN E PATRIMONIO

Fai tempo que non escribo no Blog, porque desafortunadamente no Centro no que desenvolvo a miña actividade profesional non se oferta xa a materia de Antropoloxía. Aínda así, a Antropoloxía segue reclamando a miña atención sempre.

Este venres, no Salón de actos do Museo das peregrinacións estarei participando nas Xornadas Educación e Patrimonio convocadas pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Unhas xornadas que teñen como obxectivo fomentar e valorar os traballos sobre Patrimonio como unha ferramenta interdisciplinar fundamental para a formación dos cidadáns e cidadás.

Nesta entrada, vou facer un percorrido pola miña andaina docente neste eido que será o eixo central da miña presentación na mesa redonda.

Como profesora de Filosofía (a miña ocupación fundamental), a formación de cidadáns e cidadás é un eixo fundamental do meu traballo, que tento facer compatible con outros obxectivos educativos que redundan tamén nesta formación: conseguir un pensamento autónomo, aprender metodoloxías científicas  (insistindo fundamentalmente no eido das ciencias sociais e humanas polas carencias educativas que veñen sufrindo), aprender a usar as novas tecnoloxías de forma crítica e tamén  útil socialmente  e sobre todo ensinar a mirar ao redor con ollos espelidos e cultos.
Ensinar a través da materia de Antropoloxía deume a oportunidade de tentar conseguir todos estes obxectivos de forma unitaria e, finalmente este traballo redundou tamén na ensinanza de materias menos vinculadas ao entorno inmediato como é o caso da Filosofía.

En xeral comecei os traballos sobre patrimonio impulsada pola necesidade do alumnado de ter un campo no que aplicar as metodoloxías de traballo que aprendíamos na clase e poñer en valor a materia como fonte dun traballo productivo e real. A acción dos estudantes na contorna próxima a través do traballo por proxectos ou dos traballos de investigación, permite recoñecer a utilidade práctica do que están estudiando e convertelos de xeito real en cidadáns e cidadáns activo/as.
traballo por proxectos


O meu primeiro proxecto neste sentido tivo que ver co patrimonio inmaterial, tentando entender a influencia que este tiña nas formas de vida mais actuais e tamén nos novos usos e costumes que os propios alumnos mantiñas. Así xurdiu o traballo de investigación sobre a romaría de Santa Minia e os seus diferentes aspectos que se plasmou nun vídeo sobre a festa do que, a continuación podedes ver un fragmento: https://www.edu.xunta.gal/centros/iesames/aulavirtual2/mod/folder/view.php?id=4908

Posteriormente, e froito dun traballo de investigación por parte do alumnado de Antropoloxía, demos comezo ao proxecto: Os petroglifos de Ames que permitiu, tanto un mellor coñecemento do alumnado do seu entorno patrimonial, coma unha educación na preservación do Patrimonio e o uso dos recursos que a este respecto que temos na nosa comunidade, en concreto o Parque de Campo Lameiro.

O ultimo dos nosos proxectos insistiu máis en unificar os dous conceptos de Patrimonio fundamental (material e inmaterial), involucrando un traballo interdisciplinar e tentando ademais un uso intensivo das novas tecnoloxías a través dos portafolios dixitais.

Materiais de traballo en:
Aula virtual da materia en galego
https://www.edu.xunta.gal/centros/iesames/aulavirtual2/course/view.php?id=72
Aula virtual da materia en castelán
https://www.edu.xunta.gal/centros/iesames/aulavirtual2/course/view.php?id=72
Aula virtual de traballos interdisciplinares
https://www.edu.xunta.gal/centros/iesames/aulavirtual2/course/view.php?id=74
Taller aldeas
https://www.edu.xunta.gal/centros/iesames/aulavirtual2/course/view.php?id=216
Taller Petroglifos
https://www.edu.xunta.gal/centros/iesames/aulavirtual2/course/view.php?id=180

Ningún comentario: